Presentación

 

No Grao en Socioloxía da UDC podes cursar unha das carreiras máis apaixoantes das ciencias sociais.

 

Aquí afondarás no coñecemento das persoas, de como se relacionan e de como cambia a sociedade. As organizacións, a política, o crime, a educación, a estrutura social, os procesos migratorios e un longo etcétera son partes da realidade sobre a que os sociólogos e as sociólogas botaron luz ao rachar coas máscaras das aparencias que mencionaba Henslin. Para iso recibirás unha sólida formación en metodoloxía da investigación social e unha importante formación teórica en socioloxía e nas materias afíns (como ciencia política, psicoloxía, antropoloxía, historia ou economía). A visión pedagóxica dunha educación moi baseada na práctica, con moitos convenios de intercambio con outras universidades, cun elenco docente próximo e competente, nun ambiente agradable, son algúns dos puntos fortes que agradecerás nesta titulación.